martes, 18 de septiembre de 2012

A Xunta de Galicia lamenta que o Concello de Vigo non comunicase as vantaxes do novo canon da auga aos cidadáns


 O obxectivo é fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma coa aplicación dunha tarifa acorde ao consumo real e tendo en conta o número de residentes na vivenda, é dicir, pagará máis quen máis consume.

 Non se trata dun novo tributo, senón que mellora e moderniza o existente canon de saneamento, pasando ademais a ser finalista, é dicir, financiará única e exclusivamente actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de EDAR.

    Existen bonificacións do 50 % para familias numerosas, exención para situacións de exclusión social e considérase o número de persoas por vivenda. Para aplicalo, deben comunicar estas situacións excepcionais a Augas de Galicia.

 Con este novo sistema tarifario, máis equitativo e máis xusto en función do consumo e do número de residentes na vivenda, ao redor dun 30% dos vigueses e viguesas van ver diminuído o seu recibo da auga, mentres que o resto das familias  aboarán, coma máximo, 1 euro máis ao mes.

 O canon é unha pequena parte da factura da auga dos vigueses e viguesas; o resto corresponde as taxas impostas polo Concello de Vigo, quen ten as competencias en materia de abastecemento e cobra aos cidadáns un dos recibos máis caros de Galicia.

 É o 2º máis barato de toda España e xa se está a aplicar en todas as Comunidades Autónomas en liña coa normativa europea

O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, lamentaron que o Concello de Vigo desaproveitara a comunicación oficial que estes días está a chegar aos fogares de todos os vigueses e viguesas xunto ao recibo da auga para non comunicar as vantaxes do novo canon da auga e que debería ser unha referencia para o propio concello.

Esta mañá explicaron detalladamente a aplicación do novo canon da auga, que ten coma finalidade actualizar e modernizar o canon de saneamento que existía ata o de agora con dous obxectivos primordiais: fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma.

Desta maneira, o que caracteriza ao novo canon da auga é a aplicación dunha tarifa máis xusta e acorde ao consumo real de auga de cada familia, é dicir, cobrarase por treitos de consumo real. Ademais, coma sinalaron, terase en conta o número de residentes na vivenda para ofrecer unha maior equidade e xustiza baixo a idea de que é lóxico que unha vivenda con 5 persoas consuma máis auga que unha de tres. Deste modo, pagará máis quen máis consume.

Os representantes da Administración autonómica quixeron deixar claro que os vigueses e viguesas non terán que pagar un novo tributo, senón que o que se fai é mellorar e modernizar o existente canon de saneamento, pasando ademais o novo canon a ser finalista, é dicir, financiará única e exclusivamente actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotacións depuradoras de augas residuais.

Este canon é o 2º máis barato de toda España e xa se está a aplicar en todas as Comunidades Autónomas en liña coa normativa europea, contando así cunha serie de vantaxes que pasan por bonificacións do 50 % para familias numerosas, exención para situacións de exclusión social incluíndo a entidades de iniciativa social ademais de considerar o número de persoas por vivenda. Sen embargo, para aplicar estas condicións, as familias deben comunicar e acreditar estas situacións ante Augas de Galicia, especialmente o número de persoas por vivenda se están empadroadas máis de 3.

Aplicación na factura dos vigueses
A factura da auga que cada dous meses reciben os vigueses e viguesas ten dúas partes. O canon é unha pequena parte do recibo que se aplica en función do consumo real da vivenda e que é o mesmo para toda Galicia; o resto corresponde as taxas impostas polo Concello de Vigo (saneamento, depuración, cota fixa, aluguer contador e outros conceptos), quen ten as competencias en materia de abastecemento e cobra aos cidadáns un dos recibos máis caros de Galicia facturando un consumo mínimo de 30 m3 ao bimestre totalmente inxusto, gasten a auga ou non. É dicir, un vigués que gasta 5 m3 ao mes paga o mesmo que un que consume 15.

Con este novo sistema tarifario, máis equitativo e máis xusto en función do consumo e do número de residentes na vivenda, ao redor dun 30% dos vigueses e viguesas contarán cunha tarifa máis barata que a actual e van ver diminuído o seu recibo da auga. Mentres, nos casos nos que poida existir un incremento, as familias aboarán coma máximo, 1 euro máis ao mes, beneficiando así un consumo racional do recurso.

A carta remitida dende o Concello de Vigo é equívoca, xa que a variación do canon na factura será en función do consumo, e é sobre todo inútil xa que non transmite as cuestións realmente interesantes: as vantaxes para as máis de 1.700 familias numerosas que hai na cidade de Vigo, para as vivendas con máis de 3 persoas ou a exención para situacións de risco de exclusión social.

Coma exemplo, unha familia media de 3 persoas que teña un consumo de 15 m3 ao mes e pase a ter un consumo de 10 m3, que se considera racional e responsable, o canon da auga baixaría un 33%. Sen embargo, é de lamentar que a súa factura total non se rebaixe na mesma proporción xa que o consumo mínimo de 15 m3 ao mes que ten o Concello o impide, e o único que baixaría sería a parte autonómica.



No hay comentarios: