miércoles, 26 de septiembre de 2012

A Xunta fixo efectiva hoxe a cesión de 3 vivendas de promoción pública construídas polo IGVS nas roteas ao Concello de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, foi a encargada de asinar a acta de cesión xunto ao concelleiro Carlos López Font. 

Estas 3 vivendas veñen a sumarse ás 47 VPP que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas construíu na zona das Roteas, en Coruxo, e que xa entregou aos seus adxudicatarios en xuño do ano pasado. 

Son vivendas de 2 dormitorios cunhas superficies de 56 e 67 m2 ademais de contar con rocho e praza de garaxe.

Os inmobles son cedidos gratuitamente en virtude da cesión do solo onde están construídas e están valoradas en case 100.000 euros.

Vigo, 26 de setembro de 2012.- A Xunta de Galicia fixo efectiva esta mañá a cesión de 3 vivendas de promoción pública construídas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do IGVS, ao Concello de Vigo nun acto de sinatura pública ante notario na Delegación Territorial da Xunta en Vigo. 

Por parte do Goberno galego, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, foi a encargada de asinar a acta de cesión de 3 vivendas de promoción pública (VPP) na zona das Roteas, en Coruxo. Por parte do Concello de Vigo, o encargado de asinar o documento de cesión foi o concelleiro Carlos López Font.

Tal e coma se recolle na escritura rubricada esta mañá por ambas partes, os inmobles que a Xunta cede gratuitamente ao Concello de Vigo –pola cesión de solo no que están edificadas as 47 VPP das Roteas e que supoñen o 10% das vivendas construídas segundo o previsto no artigo 23.1 do Decreto 253/2007, de 13 de Decembro de Réxime Xurídico do Solo e das Edificacións promovidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo- están valorados en case 100.000 euros, concretamente 99.545,26. A resolución do director xeral do IGVS autorizando a cesión gratuita das vivendas ao Concello de Vigo é do 19 de decembro de 2011 mentres que a Xunta de Goberno Local do municipio vigués aceptou dita cesión o 8 de xuño de 2012.

As 3 VPP cedidas en Roteas veñen a sumarse ás 47 VPP que a Xunta de Galicia construíu na zona de Coruxo e que xa foron entregadas aos seus adxudicatarios no mes de xuño do pasado ano 2011, quedando estas 3 vivendas para a cesión ao Concello de Vigo.

As vivendas cedidas ao goberno local teñen 2 dormitorios e unhas superficies de 56,60 e 67,21 metros cadrados (dúas delas), contan con rocho e praza de garaxe. Todas elas teñen estar-comedor, cociña, baños, destacando así o deseño innovador e a luminosidade coa que se construíron ademais das calidades dos materiais con carpintería exterior de PVC con dobre acristalamento, pavimentos de tarima flotante de carballo nos dormitorios e no estar-comedor e plaqueta de gres nas cociñas e baños, entre outros.

As vivendas das Roteas distribúense en tres bloques de edificios que comprenden seis portais de tipo aberto, agrupados lineal e paralelamente. A súa construción e urbanización supuxo un importante investimento da Xunta de Galicia, que superou os 3,5 millóns de euros, dos que máis de 2,8 millóns corresponden á construción das vivendas e preto de 650.000 ás obras de urbanización. A urbanización do entorno das vivendas permitiu dotar á zona dun parque infantil con dúas zonas de xogos para nenos e nenas ata os 12 anos.

No hay comentarios: