martes, 25 de septiembre de 2012

A Xunta inicia a vindeira semana as obras da zona de usos recreativos da ETEA para poñer a disposición dos veciños preto de 8.000 m2 destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e a secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, mantiveron esta mañá un encontro cos colectivos veciñais da zona para darlle traslado das últimas novas.

O proxecto sectorial foi aprobado no Consello da Xunta da semana pasada e enmárcase no Plan Sectorial da ETEA que foi aprobado definitivamente o pasado 23 de febreiro, cuxo ámbito total ocupa 115.000m2.

As alegacións presentadas durante a exposición pública que propoñían melloras no contido do proxecto foron introducidas no documento. 
 

As obras se inician de xeito inmediato na primeira semana do mes de outubro cun investimento superior aos 800.000 euros.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, iniciará na primeira semana do mes de outubro as obras da zona de usos recreativos da ETEA co obxectivo de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Teis e de toda a cidade olívica preto de 8.000 m2 destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral.

Así llo trasladaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e a secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, aos colectivos veciñais da zona de Teis no transcurso dun encontro mantido esta mañá na Delegación da Administración autonómica na cidade.

Tras a aprobación definitiva a pasada semana por parte do Consello da Xunta do proxecto sectorial correspondente á área de usos recreativos (PS-5), as obras comezarán de xeito inmediato na primeira semana do mes de outubro xa que o proceso de licitación e adxudicación levouse de forma paralela para axilizar os trámites e gañar tempo de cara á execución da obra. Deste modo, informaron aos veciños que os traballos xa foron adxudicados cun investimento que ascende aos 800.000 euros.

Este proxecto sectorial PS-5 trátase dunha das 7 actuacións que se desenvolverán a través dos correspondentes proxectos sectoriais recollidos no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA que foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2012.

O proxecto sectorial da área de usos recreativos ten por obxecto definir, co detalle dun proxecto de urbanización, a transformación dun ámbito de 8.000 m, antigamente dedicado ao esparexemento e deporte dos alumnos da ETEA, que considerará a:

•    Creación dunha senda peonil no borde litoral que dará continuidade ao actual paseo que une Punta da Guía coa ETEA, permitindo o seu uso como carril-bici.
•    Apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía.
•    Dotación de novos equipamento públicos como pistas deportivas, patinaxe, skate, parque infantil, cafetería e vestiarios.

Ao tempo, consérvanse as valiosas especies arbóreas que posúen as antigas instalacións. A edificabilidade non superará os 2.150 m² construídos que en parte se concentrará na conservación dos edificios da panadería e vestiarios na súa configuración orixinaria, demolendo aqueles outros sen valor significativo, caso dos galpóns anexos aos anteriores e os almacéns. Así como a  reforma e posta en servizo das redes de servizos de abastecemento, electricidade, iluminación e telefonía.

Con este proxecto sectorial a Xunta da resposta ás reivindicacións veciñais, entregando aos veciños de Teis e a todos os cidadáns de Vigo, este espazo privilexiado e introducindo no proxecto as dotacións solicitadas nas distintas reunións de traballo realizadas coas asociacións veciñais.

O pasado 18 de xullo o DOG anunciaba a apertura do período de información pública, no que se recibiron 316 alegacións promovidas por diferentes colectivos propoñendo melloras, e das cales, aquelas que afectan o ámbito do Proxecto Sectorial 5, finalmente foron introducidas no documento.



Plan sectorial
O Plan Sectorial, que abarca un ámbito de 115.000 m2, comprende 7 actuacións que se desenvolven mediante os respectivos proxectos sectoriais:

1.    PS-1. Proxecto Sectorial Área de vías, espazos libres e infraestruturas: 20.029 m2
2.    PS-2. Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 1: 16.042 m2
3.    PS-3 A. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 2: 4.180 m2
4.    PS-3 B. Proxecto Sectorial Área Científico- Tecnolóxica 3: 14.684 m2
5.    PS-4. Proxecto Sectorial Área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano: 31. 291 m2
6.    PS-5. Proxecto sectorial Área de Usos Recreativos: 7.625 m2
7.    PS-6. Proxecto sectorial Área de Usos Complementarios: 21.199 m2


No hay comentarios: