martes, 25 de septiembre de 2012

Economía e Industria aposta por impulsar Ifevi como un dos recintos máis competitivos para atraer grandes eventos internacionais

A Consellería que dirixe Javier Guerra ampliou as instalacións de climatización para mellorar as condicións de aforro e eficiencia enerxética dun dos recintos máis importantes de Galicia e tamén a nivel nacional.

Conxemar estreará este novo sistema, nos pavillóns A e B do recinto feiral.

Vigo, 25 de setembro de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe a aposta do Goberno galego por impulsar o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) como un dos recintos máis competitivos para atraer grandes eventos internacionais.

Guerra sinalou, tras reunirse co xerente, Arsenio Prieto, que a Consellería ampliou as instalacións de climatización do Ifevi para ofrecer as mellores condicións e servizos ás grandes feiras e encontros internacionais dos sectores estratéxicos da cidade e de Galicia que se celebran nestas instalacións, como poden ser Navalia e Conxemar, entre outras.

O conselleiro apuntou que “Ifevi é unha institución especialmente relevante para Vigo, de xeito que a Xunta ten feito unha aposta moi importante polos recintos feirais, sobre todo por aqueles que buscan a súa propia vida, que xeran riqueza, e que fan mover a economía das localidades nas que se asentan”.

O conselleiro lembrou que Vigo ten un dos recintos de referencia a nivel nacional, como corresponde a unha das principais cidades industriais do país, no que se celebran preto de cen eventos nacionais e internacionais, cunha afluencia de público que se achega ao millón de visitantes anuais.

Guerra apuntou que a ampliación das instalacións de climatización nos pavillóns A e B, que supuxo un investimento duns 380.000 euros, permite ofrecer unhas instalacións axeitadas para atraer novos eventos e acoller grandes feiras con necesidades específicas de refrixeración. Reformas que tamén fixeron posible a mellora das condicións de aforro e eficiencia enerxética dun dos recintos máis importantes de Galicia.

Neste sentido, o responsable de Economía e Industria destacou que no Ifevi a celebración de grandes feiras e eventos internacionais foi e debe seguir sendo unha prioridade para o padroado que preside e adiantou que xa está todo listo para que Conxemar, que se celebrará o 2, 3 e 4 de outubro, estree este novo sistema.

No hay comentarios: