jueves, 27 de septiembre de 2012

O Consorcio Casco Vello de Vigo aproba o proxecto de rehabilitación das rúas San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7 para contar con 10 novas vivendas e 2 locais comerciais

A actuación, que forma parte da recuperación integral do cuarteirón Castelo-San Sebastián, se levará a cabo en 4 inmobles en ruínas cun prazo de execución de 15 meses e coa previsión de que as obras poidan comezar antes de que remate este ano.
O novo proxecto de rehabilitación conta cun investimento de licitación de case 1,3 millóns de euros e foi aprobado esta mañá polo Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV).
A presidenta do organismo e delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, informou deste acordo no transcurso dunha visita a dous novos locais comerciais rehabilitados polo organismo que xa iniciaron a súa actividade na rúa Santiago e que son un estudio de arquitectura e unha tenda de fotografía.

Agradeceu aos adxudicatarios a súa aposta polo barrio e animou aos emprendedores da nosa cidade a seguir instalándose no mesmo xa que o Consorcio dispón de baixos libres e aínda poden presentarse ofertas empresariais. 
Os locais baleiros atópanse nas rúas Abeleira Menéndez 18-20 (un baixo), 24-26 (un local), Cruz Verde, 5 (dous locais) e Real, 25 (un local).

A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, informou hoxe do acordo adoptado durante a reunión do Comité Executivo do CCVV celebrado esta mañá e que supón a aprobación do proxecto das obras de rehabilitación das rúas San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7.

Estes traballos contan cun investimento de licitación de case 1,3 millóns de euros e veñen a completar a actuación que se está a desenrolar no cuarteirón Castelo-San Sebastián, formado polas obras de rehabilitación que xa están case rematadas en San Sebastián 8-12-14, Hortas 10-12 e da urbanización interior dos mesmos (fotografía adxunta).

O proxecto contempla unha actuación en 4 inmobles completamente en ruínas co obxectivo de recuperar os edificios e ofrecer 10 novas vivendas de 1 dormitorio e 2 locais comerciais máis. As novas vivendas terán unhas superficies que van dende os 46,24 metros cadrados aos 68,20 m2. E sairán ao mercado en réxime de compravenda, concretamente en réxime de Vivenda de Promoción Autonómica (VPA) a prezo concertado.




Os traballos a realizar polo Consorcio Casco Vello –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- teñen un prazo de execución de 15 meses e se estima que as obras poidan comezar antes de que remate este mesmo ano.
Bravo Bosch realizou estas declaracións durante unha visita a dous novos locais comerciais rehabilitados polo organismo que xa iniciaron a súa actividade empresarial. Adxudicados e entregados polo organismo en réxime de aluguer, estes locais abriron as súas portas no barrio histórico, co que a dinamización comercial e revitalización da zona segue o seu curso xunto a labor de rehabilitación na zona alta do barrio.

Acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, estivo cos dous novos emprendedores que xa teñen en marcha a súa actividade comercial. Trátase da tenda de fotografía “Oruga Express” rexentada por Perfecto Rueda e ubicada na rúa Santiago, 19, e do estudo de arquitectura Torrado Fernández instalado tamén na mesma rúa Santiago.

A presidenta trasladou aos adxudicatarios o seu agradecemento por instalarse no barrio antigo contribuíndo así ao importante proceso de revitalización integral que está a sufrir a zona, e aproveitou o encontro para facer un chamamento ao resto dos emprendedores da cidade que queiran montar os seus propios proxectos empresariais e opten por instalarse no centro histórico. Aínda quedan cinco baixos comerciais sen adxudicar, concretamente os emprazados nas promocións de Abeleira Menéndez 18-20 (un baixo), Abeleira Menéndez 24-26 (un local), Cruz Verde, 5 (dous locais) e Real, 25 (un local). Ademais, antes de que remate o ano, o CCVV contará con outra nova quenda de locais dispoñibles e ubicados nas rúas Ferraría e San Sebastián.


Vantaxes dos locais comerciais
Os locais dispoñibles adxudícanse en réxime de aluguer e os seus contratos teñen unha duración máxima de 5 anos, aínda que os arrendatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.

As superficies van dende os 46,10 metros cadrados aos 72,17 m2 mentres que os prezos de aluguer ao mes oscilan entre os 189,01 e os 274,16 euros. Durante os dous primeiros anos de arrendamento, os beneficiarios terán unha bonificación do 50% do seu importe mentres que no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda poden ir dende os 36.300 euros aos 126.500 euros. Esta medida ten coma fin facilitar e dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

No hay comentarios: