lunes, 8 de octubre de 2012

A Delegación da Xunta colabora coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental DOA na conmemoración do seu 25 aniversario

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, abriu esta mañá a xornada de sensibilización sobre o Proceso de modificación de capacidades de persoas con enfermidade mental crónica.

DOA expón dende hoxe e ata o día 10 unha mostra de produtos de artesanía elaborados polos usuarios e usuarias nos obradoiros ocupacionais.

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo colabora coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental DOA nos actos conmemorativos polo seu 25 aniversario con diversos actos que organizan dende hoxe e ata o día 10 deste mes.

Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, abriu unha xornada de sensibilización sobre o Proceso de modificación de capacidades de persoas con enfermidade mental crónica na que participan os ponentes Pedro Riol (notario), Iván Sanmartín (asesor legal de Feafes Galicia), José Ramón García Palacios (fiscal de menores de Vigo) e Francisco José Brea Santiago (director de tutela da Funga). Ademais, dende hoxe mesmo e ata o día 10, na planta baixa do edificio administrativo, a asociación DOA expón unha mostra de produtos de artesanía elaborados polos usuarios e usuarias nos obradoiros ocupacionais. Estas actividades se enmarcan nos actos organizados polo seu 25 aniversario coincidindo ademais coa celebración o 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental en máis de 100 países. 

Bravo Bosch amosou así o seu recoñecemento ao traballo que esta entidade realiza diariamente cos usuarios e usuarias do centro co fin de prestar atención, axudar e contribuír á integración sociolaboral do enfermo mental.

Acompañada pola presidenta e o xerente de DOA, Gloria Galán e Juan Manuel Ada, respectivamente, a responsable do Goberno galego na cidade loubou a “inxente labor” que realizan cos usuarios e usuarias e tamén de cara á cidadanía co obxectivo de sensibilizar á poboación para mellorar a calidade de vida destas persoas.

Asociación DOA
A Asociación de Axuda ao enfermo Mental DOA constitúese no ano 1987 por iniciativa de familiares de persoas con enfermidade mental crónica. O seu nacemento fundaméntase pola carencia de recursos sociais axeitados para o tratamento dos seus familiares con motivo da reforma psiquiátrica.

Segundo distintos estudos, a porcentaxe de persoas con esquizofrenia alcanza o 1% en calquera sociedade desenvolvida; ou o 3% se incluímos calquera trastorno mental severo. Seguindo estes estudos, na cidade de Vigo habería aproximadamente 3.000 persoas afectadas por esquizofrenia, ou 9.000 persoas se incluímos calquera trastorno mental severo.

Na actualidade é a única entidade privada que presta atención a este colectivo, xestionando diversos servizos, algúns deles en colaboración co Sergas. Neste senso, conta con 64 prazas concertadas para o seu Centro de Rehabilitación de Vigo así coma outras 25 máis no centro que teñen en Cangas. Ademais, e tamén en colaboración co equipo de rehabilitación de Saúde Mental do Sergas, executa o programa de Pisos Protexidos, repartidos en 7 pisos -catro dos cales en Vigo-, cun total de 34 persoas. DOA ofrece tamén un servizo de atención a domicilio e a familias ademais dun servizo para programación de ocio.

No hay comentarios: