martes, 30 de octubre de 2012

A Xunta rematará a principios de ano as obras da zona de usos recreativos da ETEA destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral



A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, xunto ao redactor do proxecto, Ángel Colsa, mantivo un encontro cun representante da Federación Galega de Patinaxe para escoitar as suxerencias dos colectivos de patinadores. 
As obras na zona de usos recreativos, a máis cercana ao mar, se iniciaron a principios do mes de outubro cun investimento superior aos 800.000 euros.

Vigo, 30 de outubro de 2012.-
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro con Ángel Colsa, redactor do proxecto sectorial da zona de usos recreativos da ETEA (PS-5), e Manuel Feijóo, membro da Federación Galega de Patinaxe, para abordar os avances e as obras acometidas ata o momento no barrio de Teis pero, sobre todo, para escoitar as demandas e opinións dos colectivos de patinadores xa que, coma recordou a delegada, a zona contará con novos equipamentos públicos como pistas deportivas, patinaxe, skate ou parque infantil, entre outros.

Bravo Bosch sinalou que era agora o momento de escoitalos posto que as obras están en plena execución tendo así coma finalidade poder incorporar as súas suxerencias e mellorar o resultado final da obra no que as pistas de skate e patinaxe se refire. “Queríamos estar dacordo cos que verdadeiramente coñecen o tema e asesorarnos ben”, considerou a delegada, quen lembrou que os traballos se iniciaron na primeira semana do mes de outubro cun investimento superior aos 800.000 euros. Así, tras escoitar as súas opinións, mellorarase o proxecto co obxectivo de facer dous espazos diferenciados para os aficionados mais cativos e para os máis maiores; na pista de patinaxe crearase un espazo cego nas barandillas; colocaranse máis fontes así coma bancos corridos de pedra ademais de tratar outros aspectos máis técnicos sobre o material a utilizar.

Con todo, a representante da Xunta na cidade matizou que os prazos se van cumprindo segundo o establecido e estimou que poderán estar rematados a principios de ano co obxectivo de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Teis e de toda a cidade olívica preto de 8.000 m2 destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral. “Intentaremos que sexa antes”, dixo a representante do Goberno galego na cidade.

Este proxecto sectorial PS-5 trátase dunha das 7 actuacións que se desenvolverán a través dos correspondentes proxectos sectoriais recollidos no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA que foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2012.

O proxecto sectorial da área de usos recreativos ten por obxecto a transformación dun ámbito de 8.000 metros cadrados, antigamente dedicado ao esparexemento e deporte dos alumnos da ETEA, para destinalo á:

•    Creación dunha senda peonil no borde litoral que dará continuidade ao actual paseo que une Punta da Guía coa ETEA, permitindo o seu uso como carril-bici.
•    Apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía.
•    Dotación de novos equipamento públicos como pistas deportivas, patinaxe, skate, parque infantil, cafetería e vestiarios.

Ao tempo, consérvanse as valiosas especies arbóreas que posúen as antigas instalacións. A edificabilidade non superará os 2.150 metros cadrados construídos que en parte se concentrará na conservación dos edificios da panadería e vestiarios na súa configuración orixinaria, demolendo aqueles outros sen valor significativo, caso dos galpóns anexos aos anteriores e os almacéns. Así como a  reforma e posta en servizo das redes de servizos de abastecemento, electricidade, iluminación e telefonía.

Con este proxecto sectorial a Xunta da resposta ás reivindicacións veciñais, entregando aos veciños de Teis e a todos os cidadáns de Vigo, este espazo privilexiado e introducindo no proxecto as dotacións solicitadas nas distintas reunións de traballo realizadas coas asociacións veciñais. É mais, no período de información pública se recibiron 316 alegacións promovidas por diferentes colectivos propoñendo melloras, e das cales, aquelas que afectan ao ámbito do Proxecto Sectorial 5, finalmente foron introducidas no documento.

No hay comentarios: