martes, 30 de octubre de 2012

Bravo Bosch reuniuse cos veciños de Cabral para explicarlles que o Concello de Vigo non firmou o convenio para reformar a Travesía da Vía

A actuación ía enmarcada dentro dos Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 2012/2013 que o goberno local vigués non rubricou o pasado 3 de xullo cando si o fixeron o resto de concellos da área metropolitana.
Segundo o convenio que o Concello de Vigo aínda non firmou, o investimento para esta actuación é de case 50.000 euros.
O obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación e arranxar deficiencias.


Vigo, 30 de outubro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo onte un encontro cun colectivo de veciños e veciñas da parroquia de Cabral afectados polos problemas e malas condicións da Travesía da Vía para escoitalos pero, sobre todo, para explicarlles a actual situación deste proxecto nos aspectos que lle competen á Xunta de Galicia.

Segundo explicou a delegada, dita actuación de reforzo do firme da Travesía da Vía na parroquia de Cabral ía a ser subvencionada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e do Mar ao abeiro dos convenios dos Plans Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) 2012/2013 cun investimento de case 50.000 euros (49.951,46 euros).

O obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais de Galicia. O PEIM Rural é un plan que inclúe proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin de levar a cabo actuacións en materia de desenvolvemento rural. No convenio establécese un marco xeral de cooperación onde se definen as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais.

Bravo Bosch trasladou aos veciños e veciñas que para este ano 2012 o Concello de Vigo decidiu que ía a integrar dita actuación dentro do PEIM e así o comunicou ao departamento de Medio Rural o pasado 30 de abril. Tras isto, a Xunta aprobou o proxecto en Cabral e o investimento de 50.000 euros para outorgar ao Concello de Vigo, do mesmo xeito que se aprobaron os investimentos para o resto dos 13 concellos que conforman a área territorial da Xunta en Vigo cun montante global de case 900.000 euros (895.200,04 euros)

Deste modo, o 3 de xullo deste ano foron convocados todos os alcaldes da área á firma dos convenios na Delegación da Xunta co secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo. Nese acto estiveron todos os concellos da área de Vigo -coma así o fixo visible a delegada ao amosar unha fotografía de dito acto- para facer efectivo o convenio e o investimento, menos o Concello de Vigo, que non volveu a amosar interese algún en rubricar dito convenio. Foi o pasado venres día 26 de outubro, por primeira vez dende aquela data, cando un representante do Concello de Vigo se puxo en contacto coa Consellería do Medio Rural e do Mar para levar a cabo dita sinatura. “Case 4 meses despois da súa convocatoria”, lembrou María José Bravo Bosch, engadindo que agora será a Consellería quen volverá a citar ao Concello para firmar o convenio e esperando que non haxa problemas para que o investimento sexa efectivo e se poida executar a obra.

No hay comentarios: