viernes, 17 de mayo de 2013

A Xunta presenta aos concellos da área de Vigo o convenio de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais

A delegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch, recordou que os concellos que firmen este acordo poderán contratar brigadas de 4, 5 ou 6 persoas. 

Estas brigadas sumaranse ao operativo de verán cos medios propios da Administración autonómica e coa posta en marcha doutros dous convenios para a realización de tratamentos de prevención en vías municipais e para o mantemento das motobombas para a actuación ante incendios. 



A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro con alcaldes e concelleiros dos municipios pertencentes ao Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño para presentarlles o convenio que permitirá a estes municipios poñer en marcha brigadas complementarias de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de verán.

Bravo Bosch incidiu na importancia de que os concellos se adscriban a este convenio "demostrando así o compromiso de cada municipio na loita contra un mal que afecta a todos e que é responsabilidade de todos". A través deste convenio, abundou, permitirase a contratación de entre 4 e 6 persoas para cada brigada, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais serán subvencionados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

Ao encontro acudiron representantes dos municipios de O Porriño, Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén, Baiona, Oia, Tui e A Guarda. Estiveron tamén presentes o xefe territorial do departamento da Consellería de Medio Rural e do Mar, Gerardo Zugasti, xunto aos responsables técnicos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

Limpezas
Os concellos que se sumen a esta iniciativa comprometeranse a preparar faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido. “Estes traballos consistirán na posta en marcha de roza manual, rareo e eliminación de restos nun mínimo de cinco hectáreas durante os tres meses de operativo destas brigadas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención”, explicou a delegada territorial.

O resto das actuacións das que se farán cargo estes equipos serán labores de vixilancia e extinción. “Estes traballos serán concretados polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia. Executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito”, engadiu.

O 50% do importe total da achega da Consellería de Medio Rural e do Mar será anticipado trala firma do convenio. O pago do resto da cantidade subvencionable tramitarase trala xustificación dos traballos de prevención realizados.

Outros convenios
Paralelamente, a Consellería de Medio Rural e do Mar está a tramitar dous convenios máis cos concellos de cara a mellorar a prevención e loita contra o lume. Deste xeito, desenvólvese tamén o convenio de participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal e tamén se leva a cabo un plan de colaboración para a participación en prevención e defensa contra incendios forestais. O obxectivo é cubrir as necesidades económicas dos vehículos motobomba e dos seus operarios, estando operativo dende primeiros de xullo ata o remate da primeira quincena de outubro.

No hay comentarios: