viernes, 5 de octubre de 2012

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle ata o mes de xuño o primeiro curso para adultos de Aproximación á ópera

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deu onte a benvida ao redor dos 50 alumnos e alumnas que recibirán a formación.
O curso é impartido por Roberto Relova, presidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, dende onte e durante todos os xoves ata o mes de xuño de 2013.

Vigo, 5 de outubro de 2012.-
A Delegación Territorial da Xunta en Vigo abriy as súas portas ao mundo da ópera acollendo dende onte e ata o vindeiro mes de xuño o primeiro curso para adultos de Aproximación á ópera a través de audicións comentadas (ou cómo amar e entender a ópera sen prexuízos).

Impartido por Roberto Relova, presidente da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, o curso ten coma obxectivo “concienciar ao alumnado da importancia do xénero operístico dentro da evolución da música ao longo da súa existencia mediante o coñecemento das obras e autores máis representativos”. A metodoloxía a seguir durante os oito meses de duración desta materia terá un carácter marcadamente activo e participativo, sendo a audición a ferramenta fundamental para levar a cabo a consecución dos obxectivos así coma o visionado de fragmentos de óperas e escenas de películas. 

Con todo, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deu a benvida ao redor dos 50 alumnos e alumnas que recibirán a formación neste xénero operístico dende onte mesmo e durante todos os xoves ata o mes de xuño de 2013 en horario de 18.00 a 19.30 horas. Neste senso, o curso superou todas as expectativas iniciais dos organizadores contando así cunhas 35 persoas en lista de espera, o que amosa o interese por este xénero musical.

Apertura do edificio administrativo á cultura
A realización deste novo curso no salón de actos da Delegación da Xunta en Vigo ven a continuar a senda iniciada hai máis de 3 anos co fin de abrir o edificio administrativo á organización de actividades culturais e sociais e á participación dos cidadáns.

Así, co obxectivo de compatibilizar o carácter administrativo da Xunta cunha sede multicultural, xa se organizaron no edificio distintas actividades para fomentar a participación dos cidadáns na vida administrativa da Xunta. A planta baixa do edificio é utilizada coma sede temporal de exposicións ademais de organizar actividades culturais, actos de conmemoración polo Día da Violencia de Xénero así coma ubicar distintas mesas solidarias e exposicións de asociacións coma DOA ou AECC, entre outras.

No hay comentarios: