martes, 4 de diciembre de 2012

Miranda ve negativas as cifras do paro pero lembra que en Galicia a taxa interanual sobe menos que en España


O voceiro do PPdeG afirma que sería positivo que o Goberno galego contase co apoio da oposición para remar xuntos na mesma dirección a favor dos intereses do país

Lembra que é tradicional que nos meses de novembro en Galicia se rexistre un aumento importante do paro e, con todo, este incremento é menor que o rexistrado en 2011

 Galicia non é unha illa dentro do conxunto do Estado, polo que a crise que azouta a toda Europa tamén afecta, irremediablemente, ás súas listas de desemprego



O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, considera negativas as cifras do paro pero lembra que en Galicia a taxa interanual sobe menos que en España.

Como apuntou Miranda, o paro aumentou un 3,26% en Galicia, o que significa que 8.724 persoas máis pasaron a engrosar as listas do desemprego na comunidade.

Con respecto a isto, o dirixente popular lembrou que é tradicional que nos meses de novembro en Galicia se rexistre un aumento importante do paro e, con todo, este incremento é menor que o rexistrado no mesmo mes en 2011, cando o paro aumentaba en 11.274 persoas.

Así mesmo, este aumento é menor que o da media dos últimos catro anos e, como sinalou Miranda, conseguiuse conter a evolución interanual do desemprego.

Ademais, Galicia presenta un mellor comportamento interanual, cun aumento do paro do 9,12%, que o conxunto do Estado, onde se incrementou nun 11,02 %.

En novembro de 2011, Galicia tiña unha internanual superior en 1,8 puntos á media do Estado; o que significa que nun ano practicamente se invertiu a situación e mellorouse o diferencial interanual con España.

Como destacou o voceiro dos populares galegos, Galicia é a comunidade con mellor comportamento económico de toda España pero, obviamente, non é unha illa dentro do conxunto do Estado, polo que a crise que azouta a toda Europa tamén afecta, irremediablemente, ás súas listas de desemprego.

Neste senso, Miranda subliñou que aínda queda moito por facer e sería positivo que o Goberno galego contase co apoio da oposición para remar xuntos na mesma dirección a favor dos intereses do país.

Segundo o dirixente popular, o paro é o principal reto do Goberno que se estreou onte e que seguirá apoiando aos sectores produtivos galegos, ao igual que o fixo na pasada lexislatura, e seguirá recortando gastos superfluos para centrar os esforzos en políticas de emprego.

No hay comentarios: