viernes, 28 de junio de 2013

A recuperación do Casco Vello, premiada na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

· O prestixioso galardón supón un recoñecemento á revitalización e transformación do centro urbano que está levando a cabo o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) dende a súa creación en 2005.
· O xurado destaca no seu fallo que dita recuperación se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”.

· Trátase do segundo premio obtido polo organismo no que vai de ano, xa que o pasado mes de febreiro o estudo de arquitectura Cendón-Vázquez, encargado da rehabilitación do cuarteirón Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7, recibiu o Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) pola súa moderna e innovadora rehabilitación en dita mazá da parte alta do barrio histórico.


A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, valorou moi positivamente o galardón outorgado no XII Premio Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo (BEAU) -http://www.bienalarquitectura.es/index.php/premiados-xii-beau/- á recuperación do barrio histórico que segue a liderar o organismo dende a súa creación en 2005, na categoría de revitalización e transformación do centro urbano vigués.

Segundo destaca o propio xurado no seu fallo, valórase positivamente a rehabilitación do centro urbano que está a levar a cabo o organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- tendo en conta que se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”. Ademais, os profesionais que premian ao CCVV lembran a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba o barrio histórico, sobre todo, a súa parte alta. Tamén sinala o fallo o obxectivo principal polo que se creou o CCVV, que se traduce en “servir de motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”.
A presidenta do CCVV considerou que este prestixioso galardón supón un gran recoñecemento e un éxito para a política de recuperación e rehabilitación do Consorcio Casco Vello, “que sempre se caracterizou por unha recuperación patrimonial e de calidade”. “Nunca tivemos un interese crematístico, o que queremos é que o barrio histórico comeza a rexurdir con novas familias, novos locais e novos servizos administrativos”, apuntou Bravo Bosch, quen sinalou que este tipo de distincións son de vital importancia e de axuda á hora de lograr o obxectivo final. “Vigo comeza a protagonizar un cambio en positivo, sobre todo no seu barrio histórico", engadiu. “Cun traballo que supón moito esforzo no día a día, todos os membros do CCVV soamente nos podemos felicitar por lograr este premio para a cidade”, valorou a presidenta do organismo.

Este premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo é o segundo galardón que recibe o organismo no que vai de ano, xa que o pasado mes de febreiro o estudo de arquitectura Cendón-Vázquez, encargado da rehabilitación do cuarteirón Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7, recibiu o Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), no apartado de vivenda, pola súa moderna e innovadora rehabilitación en dita mazá da parte alta do barrio histórico.

No hay comentarios: