viernes, 28 de junio de 2013

Louzán anima aos alcaldes a apostar pola eficiencia enerxética para "reducir o custe que supón o mantemento dos edificios municipais"

Salienta medidas impulsadas pola Deputación, como a planta de biogás de Mouriscade ou a instalación de paneis solares en depuradoras

· Mañá inícianse na Escola de Canteiros as xornadas formativas sobre certificación enerxética dirixidas a técnicos municipais

· Só coas reformas realizadas en Príncipe Felipe, a Deputación Provincial aforrará uns 100.000 euros ao ano en enerxía


O presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán, animou esta tarde aos alcaldes e alcaldesas da provincia a apostar pola eficiencia enerxética, para reducir o consumo “e, en consecuencia, o custe que cada día nos supón manter os edificios municipais”.

Na presentación das xornadas que a Administración provincial pon en marcha para formar a técnicos municipais nos procedementos de certificación enerxética, Louzán lembrou que os estudos do INEGA indican que o gasto medio que os concellos da provincia realizan en enerxía ascende a 13 € por habitante e ano, o 6,8% do orzamento dedicado a bens e servizos. Unha cifra, dixo, elevada e que pode reducirse notablemente con medidas de aforro enerxético “para contar con edificios máis sostibles, en beneficio tanto das arcas públicas como do medio ambiente”.

Ante un auditorio conformado por 120 persoas entre rexedores e técnicos municipais, Louzán lembrou que o 40% da enerxía que se consume en España gástase nos edificios e que, precisamente, son os edificios públicos os que teñen un consumo máis elevado.

Por iso, e tendo en conta que nos 62 concellos da provincia hai un total de 693 edificios públicos de distinto tipo, incidiu en que a certificación enerxética ten a súa razón de ser non tanto polo simple feito de contar con este certificado, senón, sobre todo, porque marca o camiño para a aplicación de medidas que contribúan a reducir o consumo, facendo así “unha provincia máis eficiente e sustentable económica e ambientalmente”.

Aforro de 100.000 euros nun só centro
Nesta liña, lembrou que a Deputación leva varios anos apostando pola eficiencia enerxética, tanto nas súas propias instalacións como impulsando actuacións que axuden aos concellos a reducir o consumo e, en consecuencia a factura da enerxía.

Entre estas actuacións figura a renovación das instalacións de Príncipe Felipe (calefacción, luz, gas, auga, caldeiras, ventás illantes….), que permiten un aforro de 100.000 euros anuais, o 30% do total de gasto enerxético que se estaba a realizar.

Louzán destacou tamén os investimentos realizados no propio Pazo Provincial na mellora dos sistemas de iluminación e de calefacción e outras actuacións coas que se persegue non só reducir o consumo, senón tamén promover enerxías renovables, como o biogás, para o que se está a construír unha planta na Finca de Mouriscade, co obxectivo de converter en enerxía o metano resultante da fermentación do purín que xera o gando; a utilización de placas solares para abastecer depuradoras, no marco do programa Ecoredesaneasol; ou a recollida de aceite doméstico usado que a Deputación realiza para convertelo en biocombustible.

A elas hai que sumar actuacións do proxecto Retaler II, como o estudo para avaliar o aforro (en diñeiro e emisións de gases) que os concellos poderían ter coa substitución das caldeiras de gasóleo por outros elementos que utilicen un combustible diferente; ou os programas piloto para un funcionamento máis eficiente das depuradoras nos núcleos rurais e das redes de abastecemento de auga.

“Por que se ser eficientes, tamén desde o punto de vista enerxético, sempre é unha necesidade, en momentos coma o actual convértese xa nunha obrigación”, asegurou Louzán.

Cursos de formación
En canto aos cursos, que se desenvolverán en horario de mañá e tarde na Escola de Canteiros, Louzán destacou que, aínda que non hai un prezo establecido para as certificacións, se se teñen en conta as cifras medias que se están barallando, os 62 concellos da provincia poderían aforrar uns 175.000 euros na certificación dos seus 693 edificios municipais se o documento é expedido polos propios técnicos.

Para que o poidan facer da mellor forma posible, a Deputación ofreceralle formación sobre o procedemento de certificación, as medidas eficaces para o aforro enerxético e, sobre todo, exercicios prácticos de certificación de edificios existentes.

O curso impartirase na Aula de Formación da Escola de Canteiros desde o mércores 26 de xuño ata o sábado 29 e terá unha duración de 20 horas, distribuídas en horario de tarde (de 16,00 a 21,00 horas) de mércores a venres, e en horario de mañá o sábado (de 09,00 a 14,00 horas).

No hay comentarios: