miércoles, 10 de octubre de 2012

A Xunta valora o labor que o Centro de Educación Especial Menela realiza día a día para educar ás persoas con autismo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo hoxe un encontro cos responsables da Fundación Menela, encargados do centro educativo.
 

Está dirixido a alumnos con trastornos xeneralizados do desenvolvemento (trastorno autista), de 3 a 21 anos, e conta con 8 unidades de educación especial concertadas coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo hoxe un encontro cos responsables da Fundación Menela no Centro de Educación Especial que dita fundación xestiona na parroquia de Alcabre.

Estivo acompañada do director xeral da Fundación Menela, Cipriano Jiménez, e do director xerente, José Manuel Varela, ademais do equipo directivo do centro educativo. A representante do Goberno galego en Vigo aproveitou o encontro para coñecer as instalacións, que están dirixidas a alumnos e alumnas con trastornos xeneralizados do desenvolvemento (trastorno autista), de entre 3 a 21 anos. Así, conta con 8 unidades de educación especial concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecendo servizo a uns 32 alumnos e alumnas.

Bravo Bosch resaltou así a actividade que realiza dita fundación co obxectivo de contribuir á mellora da calidade e condicións de vida das persoas con autismo e trastornos do espectro autista, axudándolles a superar as dificultades e a conseguir unha digna calidade de vida, dando resposta ás necesidades específicas ao longo de todo o seu ciclo vital.

O CEE da Fundación Menela está atendido por un equipo multiprofesional, no que se integran profesores titulares especialistas en educación especial, audición e linguaxe; médico-psiquiatra; psicóloga; traballadora social; e auxiliares técnicos educativos. Em canto ás instalacións, teñen comedor escolar, aulas de educación especial con equipos informáticos, xardín con parque infantil e realizan actividades deportivas (natación e educación física), musicoterapia, actividades de lecer e tempo libre, obradoiros de xardinería, cociña ou lavandaría, entre outros. A delegada recoñeceu así o traballo dos pais e nais así coma de todo o equipo directivo e traballadores do centro.

A Fundación Menela

É unha entidade de iniciativa social clasificada benéfico-asistencial e de interese galego. Constituíuse en Vigo no ano 1989, co obxectivo fundacional de promover e dar apoio ás persoas con discapacidade e dependencia e ás súas familias, especialmente ás persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA), a través de programas asistenciais, promoción social, inserción laboral e formación.

No itinerario histórico da fundación hai que destacar a incorporación do Centro Menela en 1996, que xa viña funcionando dende o ano 1976, a posta en marcha do Centro de Día e Residencia para Adultos Castro Navás (1993), que se atopa en Priegue-Nigrán, a creación da Empresa Castro Navás S.L. para a promoción laboral de persoas con TEA (1998), a inauguración do edificio CAMI (2004), a constitución da Fundación Tutelar “Camiño do Miño” (2007), e a construción do centro Residencial para persoas maiores con autismo e dependencia, que construíu na mesma zona de Priegue, e que cano abra as súas portas servirá para que as persoas con autismo con máis idade e dependentes teñan un espazo onde poidan ser atendidos.

No hay comentarios: