miércoles, 3 de octubre de 2012

Bravo Bosch coñeceu hoxe os proxectos das asociacións de esclerose múltiple e de bulimia e anorexia da provincia

A delegada territorial da Xunta en Vigo trasladouse esta mañá ata as súas instalacións para manter un encontro cos seus responsables.

Destacou o importante traballo que realizan a favor das persoas afectadas por estas enfermidades e polas súas familias.


A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá sendos encontros coas directivas da Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra (ABAP) e da Asociación de Esclerose Múltiple de Vigo (Avempo), que comparten instalacións nun local cedido pola Administración autonómica e ubicado na Vila de Bouzas.

Bravo Bosch destacou así o importante traballo que ambos colectivos realizan a favor das persoas afectadas polas enfermidades da esclerose múltiple e polos trastornos da alimentación así coma polo apoio a súas familias.

Acompañada dos presidentes de ABAP e Avempo, Juan Ramón Pérez e Marina Román, respectivamente, así coma do resto dos traballadores de ambas asociacións, a delegada territorial percorreu as instalacións e coñeceu a algúns dos usuarios e usuarias que neses momentos se atopaban no local.

Asociación de Bulimia e Anorexia de Pontevedra (ABAP)
ABAP é unha entidade sen fins de lucro creada en 1998, e na que colaboran psicólogos, nutricionistas, pedagogos, administrativos e os socios que compoñen a asociación. Creouse co propósito de loitar contra a bulimia, a anorexia e os trastornos da alimentación. Prestan apoio e asesoramento integral ás familias dos enfermos, organizan actividades que permiten concienciar á sociedade dos perigos da anorexia e a bulimia e intenta achegar ao público os consellos da prevención de ditas enfermidades.  

Asociación de Esclerose Múltiple de Vigo (Avempo)
Avempo é unha asociación sen ánimo de lucro que pertence á Asociación Española de Esclerose Múltiple AEDEM, constituída o 16 de outubro de 1996, coa misión de axudar e informar aos afectados e familiares sobre esta enfermidade neurodexenerativa, realizando actividades, cursos e apoio para paliar o deterioro que conleva esta afección. A entidade forma parte da Federación Galega de Esclerose Múltiple, xunto coas asociacións de esclerose múltiple de Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Aos servizos desta entidade viguesa acuden semanalmente aproximadamente 48 persoas, e finalizou o ano 2011 con 208 socios.

No hay comentarios: