miércoles, 3 de octubre de 2012

Os retos da política cultural en Galicia centran o encontro que Anxo Lorenzo mantivo en Vigo con representantes do sector


O secretario Xeral de cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo destacou a necesidade de impulsar políticas culturales basadas en la planificación, co fin de concretar estratexias de cooperación entre o ámbito local e o Goberno Autonómico.

“O desenvolvemento cultural é un factor clave para a capacidade de recuperación económica de Galicia”, suliñou Anxo Lorenzo.


Os principais retos da política cultural en Galicia centraron o encontro que o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, mantivo esta tarde con representantes do sector en Vigo. Entre estes desafíos, o secretario xeral destacou a necesidade de impulsar políticas culturais baseadas na planificación, co obxectivo de obter o maior rendemento das actuacións impulsadas, tanto en termos económicos como sociais.

Para avanzar neste modelo, o secretario xeral referiuse á necesidade de establecer un proceso de diálogo con todas as partes implicadas, que conduza á elaboración dun plan  que teña como obxectivo construír un novo enfoque para a xestión da cultura, máis innovador, máis produtivo e máis eficiente na súa proxección social.

Como un dos aspectos máis destacados dese plan, Anxo Lorenzo apuntou a necesidade de concretar estratexias de cooperación entre o ámbito local (concellos, deputacións e áreas metropolitanas) e o Goberno autonómico. Ao mesmo tempo recordou a importancia de que cada Administración asuma as súas responsabilidades en materia cultural, liderando os seus proxectos, xestionando os seus equipamentos e buscando a colaboración con outras administracións.

Tamén en referencia ao contido do plan, destacou a importancia de propoñer procesos de concentración, unión e colaboración entre todos os operadores e sectores culturais, así como de fixar as prioridades e os proxectos estratéxicos no investimento cultural público.

A este respecto, Anxo Lorenzo recordou que Galicia conta na actualidade cunha rede de equipamentos culturais diversa que chega á maior parte do territorio. Por iso, unha vez conseguido ese tecido de infraestruturas, apostou no momento actual por concentrar os esforzos en desenvolver proxectos e programas nos diferentes ámbitos en que se constrúe a cultura e en conseguir que cheguen ao maior número posible de usuarios.

En referencia á difícil situación que atravesa o país, apuntou o desenvolvemento cultural como un factor clave para a capacidade de recuperación económica de Galicia. Nese sentido, falou da necesidade de seguir traballando para  favorecer, nestes tempos convulsos, o maior dinamismo posible nos diferentes ámbitos culturais e reafirmou o apoio ás industrias culturais galegas por representaren para a economía un sector estratéxico.

No hay comentarios: