lunes, 5 de noviembre de 2012

Louzán e Rueda destacan os beneficios de unificar criterios para o cumprimento do déficit público e a estabilidade financeira

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, clausuraron hoxe o curso sobre Actualidade do Réxime Local no que, perante tres días, un cento de secretarios, interventores e técnicos da Administración Local Provincial estudaron e debateron no Pazo Provincial, a aplicación da lei de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira na súa aplicación ás Entidades Locais.

Louzán e Rueda coincidiron na oportunidade do curso para unificar criterios que conduzan ao cumprimento do déficit público e a estabilidade financeira. O conselleiro destacou os beneficios da correcta aplicación da nova lei como se está a comprobar en Galicia por contraste a outras comunidades autónomas que deben ser intervidas e teñen dificultades para manter determinados servizos e afrontar pagos. “Galicia ven actuando correctamente neste campo con tres anos de adianto e os beneficios para a cidadanía e a propia Comunidade están á vista”, dixo.

Pola súa banda, Louzán destacou que a confianza para o crecemento e a creación de emprego suscítase buscando financiación e axustando contas e balances. “Por iso é fundamental que todas as instancias da Administración presenten un Plan Económico-Financieiro harmónico, rigoroso e viable”, afirmou.

Según dixo, “agora é cando máis se precisa abordar sen retrasos as medidas necesarias para acadar unha maior estabilidade orzamentaria xunto co crecemento económico e, en concreto, o novo panorama no que se moven as corporacións Locais coa aplicación da Lei”.

O presidente da Deputación agradeceu a colaboración do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra (Cosital), que preside José Carlos Castiñeira Piñeiro, que foi a entidade encargada de organizar esta actividade formativa en colaboración coa Deputación.

Louzán reiterou o compromiso da Deputación de Pontevedra co Plan de estabilidade e co cumprimento do déficit público “que é fundamental para España, para Galicia e para a provincia de Pontevedra”, dixo.

No hay comentarios: