lunes, 5 de noviembre de 2012

O servizo de mediación familiar ubicarase na Gota de Leche

Utilizaranse as oficinas que están situadas na planta baixa do edificio, compartindo as instalacións do Centro de Apoio ao Empregador.

A iniciativa busca impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso e baixar a carga de traballo nos xulgados da nosa comunidade.

A planta baixa do edificio coñecido como Gota de Leche albergará o novo servizo de mediación familiar de Vigo tras estar operativo de forma provisional nos xulgados da rúa Lalín.


O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, asinou o pasado mes de setembro o convenio de colaboración co Ministerio Fiscal, a Universidade de Vigo e o Consello Xeral do Poder Xudicial, para implantar na cidade este programa de mediación familiar intraxudicial, co obxectivo de impulsar a resolución dos conflitos familiares pola vía do diálogo e o consenso. Coma se informou ese mesmo día e tras chegar a un acordo cos xuíces, nun primeiro momento o servizo comezou a operar de forma provisional nos xulgados mentres se definía o lugar definitivo, que a partires de agora será no edificio da Gota de Leche compartindo así as instalacións do Centro de Apoio ao Empregador pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar.

O convenio rubricado é unha suma de esforzos entre as institucións involucradas para ofrecer os mellores servizos aos cidadáns, especialmente cando se trata de servizos tan eficaces e útiles como é a mediación intraxudicial. Neste senso, dende a Xunta de Galicia se quere agradecer unha vez máis a disposición do xuíz decano por albergar este servizo de forma provisional nas dependencias xudiciais dende que se fixo operativo e tras asinar o convenio no mes de setembro.

Todas as partes que rubricaron o documento coinciden na necesidade de difundir a mediación familiar como unha técnica de resolución de conflitos que aforra tempo e cartos nos procesos e que incide directamente nunha redución da carga de traballo nos xulgados da nosa comunidade. Ademais, incidiron na importancia da redución dos custes emocionais dos participantes, algo especialmente importante nos casos de rupturas familiares con fillos menores.

O servizo de mediación intraxudicial -aquela que se leva a cabo cando o proceso xudicial xa está iniciado- pode ser solicitado por calquera das partes, aínda que na práctica é o xuíz quen, na maioría das ocasións, decide derivar os casos susceptibles de chegar a un acordo.

É un recurso totalmente gratuíto e a súa aceptación é voluntaria. No caso de que ambas partes acepten acollerse a este programa, contarán co asesoramento neutral e cualificado de profesionais do dereito e da psicoloxía, que actuarán como mediadores no conflito. A intervención destes profesionais buscará sempre promover un acordo duradeiro que sexa aceptado polos dous membros da parella, e que, posteriormente, só necesitaría ser ratificado xudicialmente.

Este modelo de resolución de conflitos xa se puxera en marcha en Santiago en 2009 e en Ourense o ano pasado. En 2011 a metade dos casos que se abordaron remataron cun acordo que puxo fin ao procedemento xudicial.

No hay comentarios: