viernes, 2 de noviembre de 2012

Louzán inaugura un curso sobre estabilidade orzamentaria

A conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, Elena Muñoz, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o presidente do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra (COSITAL), Juan Carlos Castiñeira Piñeiro, inauguraron hoxe o I Curso de actualidade xurídica de Réxime Local que, ao longo de tres días, se desenvolverá no Pazo Provincial.

O curso vai dirixido a impartir unha formación práctica a funcionarios da Administración Local con habilitación estatal e funcionario do grupo A-1. Busca ensinar a implantar a Lei orgánica 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no ámbito local para resolver dúbidas e problemas que xorden na súa aplicación. No curso participan máis de 100 técnicos da Administración Local da provincia.

Louzán sinalou que o curso incidirá no perfeccionamento profesional dos Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e posibilitará aumentar e mellorar a formación do persoal da administración encargado de aplicar as normas.

Según explicou, o Goberno central está a impulsar unha importante batería de iniciativas lexislativas de contido económico que afectan ás Entidades Locais e que obrigan ós seus técnicos a actualizarse constantemente. Dentro destas modificacións, enmárcase a Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira que establece os principios reitores aos que deberá adecuarse a política orzamentaria do sector público.

Esta lei está orientada a garantir a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira como base do crecemento económico sostido e a creación de emprego. Para aclarar as dúbidas que a aplicación de devandita lei está a suscitar no ámbito local, a Deputación de Pontevedra e Cosital Pontevedra colaboran para impartir o curso “I Curso de actualidade xurídica do Réxime Local. A Lei Orgánica 2/2012, de estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financeira. Aplicación ás Entidades Locais”.

Para Louzán nunca como agora estivo tan xustificada a realización dun curso como este porque «un dos eixes da reformas estruturais que se están producindo en España pivota sobre a Administración Local, unha de cuxas facetas o constitúe a necesidade de cumprir cos obxectivos de déficit público e os límites de endebedamento».

370.000 millóns de déficit estrutural
Pola súa banda, Elena Muñoz resaltou a oportunidade da celebración do curso en vista de que o Estado pasou de ter un superávit do 2% no periodo 2005-2007 a contar en 2011 cun déficit superior ao 11%, en concreto 370.000 millóns de euros «o que fai que o noso déficit sexa estructural», dixo.

Esta situación, acrecentada pola crise, obrigou, según a conselleira, á reforma constitucional do artigo 135 para limitar por lei o déficit e impoñer a estabilidade presupostaria e o equilibrio financieiro. A conseguinte lei orgánica estableceu as condicións e obrigacións precisas para todos estamentos do Estado e fai de obrigado cumprimento ás distintas institucións e niveis da Administración a que presenten un Plan Económico-Financieiro, ao tempo de que o Estado reforzará os organismos de control coa creación dun órgano independente de fiscalización das contas públicas.

«Estas importantísimas e trascendentáis reformas obrigan ao rigor e, con este fin, espero que este curso sirva para aclarar dúbidas e para mellorar a formación dos encargados de velar polo diñeiro público», concluíu.

Destacados ponentes
Entre os ponentes do curso que hoxe se iniciou na Deputación de Pontevedra figuran a propia Elena Muñoz, Conselleira de Facenda da Xunta de Galicia; Antonio López Díaz, conselleiro do Consello de Contas de Galicia; Almudena Chacón Pichel, interventora xeral da comunidade autónoma; Juan Jose Saura Quiles, interventor-tesoureiro do concello de Rocafort e inspector de tributos locais; José Manuel Farfán, Tesoureiro xeral da Deputación de Sevilla; Manuel Galdo Pérez, director xeral de política financeira e Tesouro; Juan José Vázquez-Portomeñe Seijas, avogado do Estado-xefe en Pontevedra e Letrado da Xunta; Eloy Morán Méndez, Auditor do Consello de Contas de Galicia e Profesor Asociado da Universidade de A Coruña; Luciano Fariña Busto, Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia.

Tralas distintas ponencias que se impartirán os días 29, 30 e 31 de outubro, o curso concluirá cunha mesa redonda sobre «A repercusión do incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria na organización das entidades locais. Coa participación de: Jose Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol e presidente da FEGAMP; Luciano Fariña Busto, Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia; e Alfonso Rueda de Valenzuela, conselleiro de presidencia, administracións públicas e xustiza da Xunta de Galicia.

No hay comentarios: