viernes, 28 de septiembre de 2012

A Xunta colabora con 10 millóns de euros para mellorar o contorno dos ríos dos concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Mondariz



Os rexedores municipais dos concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Mondariz, xunto do presidente da Deputación de Pontevedra e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tamén participaron no acto

Trátase de tres grupos de actuacións que mellorarán e recuperarán os contornos naturais, así como a creación de rutas fluviais

Outra das actuacións que se executarán en Ponteareas para mellorar a calidade ecolóxica do río Tea, na que se inclúe a ampliación e mellora da Edar de Ponteareas

No río Louro levarase a cabo unha ordenación da canle e marxes do río Louro, así como a restauración do Lugar de Importancia Comunitaria Gándaras de Budiño

Os case 55.000 habitantes destes catro concellos da provincia de Pontevedra serán os beneficiarios directos


O conselleiro Hernández, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, avanzaron esta mañá un paso máis para a materialización das actuacións recollidas no proxecto de restauración fluvial en Mondariz e Ponteareas. No acto tamén participaron os rexedores municipais dos concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Mondariz.O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, salientou o compromiso do Goberno galego coa mellora da calidade das augas, e como mostra deste obxectivo destacou o feito de que a Xunta de Galicia colabore e apoie o desenvolvemento de varios proxectos en materia de infraestrutura hidráulica para mellorar a calidade das augas e os contornos de varios ríos nos concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Mondariz. Tres grupos de actuacións que implican un investimento de case 10 millóns de euros e na que que é primordial a colaboración das administracións implicadas e que beneficia a case 55.000 habitantes destes catro municipios da provincia de Pontevedra.

Restauración fluvial en Mondariz e Ponteareas
Este grupo de actuación supón unha serie de traballos hidráulicos que se executarán en virtude dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e os concellos de Mondariz e Ponteareas para construción dunha senda fluvial nos ríos Tea e Xabriña, no concello de Mondariz e no río Tea, nos municipios de Mondariz e Ponteareas. Unha actuación que implica un investimento que supera os 660.000 euros.
O río Tea, por cuxas marxes transcorrerán as sendas obxecto do presente convenio, foi incluído na Rede natura 2000 como lugar de interese comunitario en 2004, e foi declarado zona de especial protección dos valores naturais ese mesmo ano.
Á vista do valor e interese natural, cultural e paisaxístico da zona, resulta necesario asegurar a súa conservación; polo que se definirá unha ruta de sendeirismo e cicloturismo unha alternativa de deporte, ocio e á vez un percorrido cultural e paisaxístico. Así, o camiño servirá para facilitar o acceso a zonas de interese etnográfico e zonas relevantes pola súa flora e fauna, distribuída nos distintos ecosistemas existentes ao longo da ribeira.
Tamén se pretende crear un nexo de unión entre municipios, permitindo o acceso peonil ininterrompido e sen ningún tipo de barreiras de accesibilidade desde cada unha das zonas urbanas ata a propia senda e vertebrar e promover o rural, a través dunha senda ambiental, cultural deportiva e de recreo, xeradora de expectativas turísticas.
En Mondariz estas actuacións consisten nunha senda de 3.440 metros de lonxitude con dúas pasarelas sobre o río Xabriña, para unir a senda co paseo actual de Troncoso, comezando na ponte romana de Cernadela no Ceo. En Ponteareas proxéctase una senda de 2.965 metros que comeza no límite municipal entre Mondariz-Balneairo en Ponteareas, xunto á antiga depuradora actualmente demolida no campo de golf.
Outras das actuacións que se inclúe neste primeiro grupo é o acondicionamento das marxes no río Aboal, cun investimento aproximado de 350.000 euros, que desenvolverán a Confederación Hidrográfica e a Deputación provincial. Con esta actuación, pendente da redacción do proxecto de construción, preténdese mellorar a accesibilidade ao regueiro Aboal, co fin de reconstruír a zona afectada por enchentes provocadas durante episodios de intensas chuvias.

Mellora ecolóxica do río Tea
As administracións implicadas tamén colaborarán na posta en marcha de acción para a mellora da calidade ecolóxica do río Tea, ao seu paso polo Concello de Ponteareas.
O proxecto de restauración ambiental e mellora da drenaxe do afluente do río Tea, Canedo, conta cun presuposto aproximado de 4 millóns de euros. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil promoverá as obras necesarias para a mellora da drenaxe do Canedo, separando as augas da canle das fecais, facendo compatibles os usos das marxes coas enchentes do río, e ordenándoas para evitar infiltracións do río na rede de saneamento. Esta actuación é fundamental para evitar a chegada de augas pluviais e de infiltración á depuradora, e así mellorar o seu funcionamento.
Para completar esta mellora, a Xunta conta xa con anteproxecto redactado da ampliación e mellora da Edar de Ponteareas, 1ª fase, que implica un investimento de máis de 1,7 millóns de euros. Esta actuación consistirá na ampliación do pozo de bombeo, na construción dun pozo de grosos para a recolleita de sólidos de maior tamaño, e dunha nave de pretratamento con dúas liñas de desareador-desengraxador. Tamén se instalará unha arqueta de repartición para o biolóxico e un novo decantador secundario. Por último, instalarase un sistema de desodorización para minimizar o impacto da EDAR no seu entorno.

Ordenación do río Louro
O conselleiro reiterou a necesidade de traballar en colaboración e coordinación e puxo como exemplo os proxectos de ordenación da canle e marxes do río Louro, que desenvolverá a Confederación Hidrográfica do Miño– Sil e a Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa contarán cun investimento aproximado de 950.000 euros para a actuación no concello de Mos e de 120.000 euros para a actuación no concello de Porriño, que será a primeira das actuacións que se leve a cabo coa sinatura do convenio polo que se desenvolverá.
O investimento da actuación no concello de O Porriño pretende emendar os danos ocasionados nos noiros do río Louro pola enchente de setembro de 2011. Para iso realizarase a restauración e protección de ambas as dúas marxes do río ao seu paso polo Porriño mediante a consolidación dos noiros para previr posibles avenidas futuras.
Pola súa parte, o concello de Mos permitirá a execución das proteccións da canle necesarias para evitar a erosión ocasionada neste polas enchentes, construíndo as estruturas proxectadas de acordo aos períodos de retorno legalmente establecidos e a reparación total ou parcial das sendas fluviais.
Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, está a executar o proxecto de restauración do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Gándaras de Budiño. Tratase dunha medida para á mellora do estado de conservación dos hábitats e das especies presentes no LIC, mediante medidas de control e mellora do réxime hídrico e a calidade das augas, de minimización dos efectos dos usos industriais lindantes e de rexeneración dos bosques de ribeira e da calidade dos hábitats das especies catalogadas presentes na área. O investimento desta actuación supera o millón de euros (1.309.513).

No hay comentarios: