viernes, 28 de septiembre de 2012

Santalices felicítase porque o candidato socialista "coñecera de primeira man as obras do novo hospital público de Vigo"


O candidato do PPdeG animou a Pachi Vázquez a “tomar boa nota das declaracións do ex ministro laborista Alan Milburn defendendo a colaboración público-privada na construcción de hospitais”

Lamentou que “non estivera acompañado polo alcalde de Vigo, máis preocupado por facerse a foto ao lado do Presidente da Xunta que de apoiar ao seu candidato”



O voceiro de Sanidade e candidato do Partido Popular, Miguel Santalices, felicitouse hoxe porque o candidato socialista á Presidencia da Xunta “se atrevera a coñecer de primeira man, xunto aos máximos representantes da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública, a realidade das obras do novo Hospital Público de Vigo”. “Foi unha mágoa que o alcalde de Vigo non participara nesa visita ás obras do hospital e se amose máis preocupado por sacarse a foto xunto ao Presidente da Xunta cando visita esta cidade que por acompañar ao candidato do seu partido nun acto de precampaña electoral”, indicou.

“Resulta esperpéntico que o candidato socialista cualifique de mentira unha obra de semellante magnitude, que avanza na súa construción conforme ao previsto inicialmente e que puido comprobar persoalmente na compaña doutro colectivo que tanto está a criticar este novo hospital público que mellorará considerablemente a atención que reciben os veciños de toda esta área metropolitana”, apuntou Santalices.

O portavoz popular de Sanidade animou ao candidato socialista “a tomar boa nota das declaracións realizadas polo ex ministro laborista británico Alan Milburn en Vigo, nas que defendeu a colaboración público-privada para a construción deste novo hospital e subliñou o éxito que este modelo financeiro ten no Reino Unido, Alemaña, Francia ou Suecia, país no que se está a construír un dos centros máis avanzados do mundo a través de aportación público-privada, ademais doutros fóra das fronteiras europeas como Sudáfrica ou China”.

“Do interese que espertou esta conferencia en Vigo poden dar boa conta os representantes da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública que asistiron á mesma, que agora poderán pasarlle completa información ao candidato socialista para que tome boa nota de que o Goberno galego está a construír novas infraestruturas sanitarias seguindo os métodos de financiamento que se seguen nos países máis avanzados de Europa”, sinalou Miguel Santalices.

No hay comentarios: