lunes, 12 de noviembre de 2012

Feijóo: "Cataluña elixe se quere un goberno que se enfronte á crise ou que se enfronte artificialmente a España"

O presidente do PPdeG pide o voto para Alicia Sánchez Camacho no primeiro fin de semana da campaña catalá

Advirte que “repetir o erro de evitar a realidade” ten como final “unha quebra que pagan os cidadáns”

 Lembra que “os problemas actuais veñen dun fracaso continuado e colectivo de PSC, ERC, ICV e CiU?, xa que “uns malgastaron e outros malxestionaron”


Alberto Núñez Feijóo manifestou hoxe que o próximo 25 de novembro "Cataluña elixe se quere un goberno que se enfronte á crise e que teña capacidade para resolver problemas, ou un que se enfronte artificialmente a España pola súa incapacidade para afrontalos". Durante un mitin no Centro Galego de Barcelona, no que o presidente do PPdeG arroupou á candidata popular Alicia Sánchez Camacho, Feijóo lamentou que nesta campaña "haxa quen pretenda que non se fale de débeda, de déficit, de paro ou da necesidade para recuperarnos", e advertiu que "repetir até o infinito o erro de evitar a realidade ten un final, e é a quebra que pagan os cidadáns".

Ante a próxima cita electoral de Cataluña, Feijóo animou a "elixir" entre "as opcións políticas que se renderon aos problemas" ou a un partido como o PP "que pomos todo da nosa parte para enfrontarnos a eles". "Podedes elixir entre aqueles que levaron a Cataluña até este punto ou aos que nos propomos recuperar os liderados que nunca debeu perder", engadiu.

Ao seu xuízo, "os problemas actuais de Cataluña veñen dun fracaso continuado e colectivo de PSC, ERC, ICV e CiU", xa que "uns malgastaron e os seguintes malxestionaron", polo que "hoxe hai unha soa opción" para que "tómese o camiño dunha xestión responsable", e ese é o Partido Popular. "Cataluña non é nin moito menos peor que hai anos", aseverou, "o que foron peores son os seus gobernantes".

"Non nos presentamos para axitar bandeiras, senón para pagar facturas", proclamou Feijóo, "non nos presentamos contra ninguén, nin contra España, nin contra os nacionalistas, nin contra o non nacionalistas", senón "a favor do progreso de Cataluña e dos cataláns".

A IMPORTANCIA DAS PERSOAS
O presidente do PPdeG afirmou que "cando hai tantas familias aos que non lle saen as contas, cando máis da metade dos mozos non atopa unha oportunidade, cando un de cada catro cidadáns non poden traballar querendo facelo", España, Cataluña e Galicia "son secundarias, que o lugar da partida de nacemento é secundario e o que importa son as persoas". "Quen máis fala de territorio é quen menos capaz é de falar das persoas", dixo.

Fronte aos discursos territoriais, o proxecto do PP "é para as persoas e non para os territorios, para facer fronte ao paro, para dar cabida aos mozos, para atallar os problemas de déficit e débeda, para asegurar os servizos públicos e para multiplicar as oportunidades dos cataláns".

Por último, Alberto Núñez Feijóo pediu "o voto da liberdade dos cataláns, e non falo de ideoloxías, territorios, nacionalismos ou España". "Pídovos o voto da liberdade de poder ter un emprego, de ter a seguridade de que a administración vai pagar as débedas, de ter a certeza duns servizos públicos sustentables e que funcionan, e dun futuro con oportunidades e prestacións", explicou.

No hay comentarios: