viernes, 24 de mayo de 2013

A Deputación prevé a ocupación de preto de 5.000 camas en hoteis da provincia os sete días da Volta Ciclista a España


· Saída e catro etapas da volta pola provincia aseguran o éxito do sector hostaleiro e a promoción turística

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, augurou hoxe unha ocupación hoteleira de preto de 5.000 prazas para o vindeiro mes de agosto grazas á saída dende as Rías Baixas da Volta Ciclista a España 2013. Tan só a estanza de toda a organización da volta do 21 ó 27 de agosto, propiciará a ocupación durante estes sete días de 4.787 camas, segundo os datos ofrecidos hoxe perante unha rolda de prensa na que participaron o director da Volta, Javier Guillén e o alcalde de o Grove, José Luis Perez, ademais do titular da entidade provincial.

Durante os sete días, 4 hoteis de O Grove (Montemar, Hotel Abiertas, Gran Hotel, e Heperia A Toxa), 8 de Sanxenxo (Nuevo Astur, Campomar, Carlos I de Silgar, Nuevo Lanzada, Talaso Sanxenxo, Ton, Galatea, e Pedramar), 8 de Pontevedra (Campaniola, Galicia Palace, Rías Baixas, Dabarca, Room, Parador Pontevedra, Virxe do camiño, e Avenida), 4 de Vigo (Bahía de Vigo, Hesperia Vigo, Tryp Galeones, e Cidade de Vigo) , 1 de Vilanova ( Leal La Sirena), e 2 de Cambados (Parador e San Marcos) ofrecerán o servizo dun total de 4.787 camas a ciclistas, equipo técnico, prensa acreditada, patrocinadores e corpo de seguridade.

O Grove: centro loxístico da organización
Máis concretamente, O Grove ten xa prevista unha ocupación de 805 habitacións, (115 por noite durante 7 noites). Esta vila acollerá a sede da organización, os tráilers de equipo técnico e infraestrutura, sala de acreditacións, o centro de conferencias, así como a presentación en directo o día 23 dende o Palacio de Congresos de A Toxa, que contará coa presenza de Carlos Núñez. Deste xeito a comarca convértese en centro neurálxico e loxístico onde a afluencia comezará a principios de agosto e que aglutinará a unha caravana cunha masa fixa de 2.000 personas.

Pola súa banda, as cidades de Pontevedra e Sanxenxo son as máis representativas, cun total de 1.337 habitacións (191 habitacións por noite), e 1.575 (225 por noite) respectivamente. En Vigo existe unha previsión de ocupación de 665 habitación (95 por noite); en Cambados 245 (35 por noite); e en Vilanova 160 (40 por noite).

A presenza da volta reportará un importante beneficio directo (restaurantes, hoteis, comercios…) para a economía provincial; soamente a factura hoteleira por noite “ascende a máis de 90.000 euros, ó que habería que engadir o consumo en comida, transporte, material sanitario e outras necesidades dos ciclistas” como así manifestou Javier Guillén. Por outra banda, un beneficio indirecto por mor do gran impacto mediático que causa a súa difusión en máis de 185 medios de comunicación nacionais e internacionais o que implicará a promoción da nosa provincia e a súa proxección como un destino atractivo ou a súa identificación cunha marca de prestixio.

5 etapas de promoción da provincia
Por primeira vez, a provincia acolle a saída oficial e catro etapas: Vilanova-Sanxenxo; Vigo-Mirador do Monte Lobeira; Pontevedra-Baiona; Lalín/ A Estrada-Fisterra; o que supón un empuxe económico para todo o sector turístico da comarca, e o hoteleiro en particular, atraendo ademais a aficionados e curiosos.

Para dar a coñecer todos os enclaves, levouse a cabo unha forte campaña a través dun vídeo promocional que comezouse a rodar esta mañá en Cambados na Praza de Fefiñáns. Un vídeo que en palabras do Presidente da Deputación “porá a Galicia en todo o mundo a través desta plataforma” e no que participan ciclistas da zona e que presentará, entre outros, rincóns de Cambados, Mirador de Lobeira, Vilanova, planos das bateas, ou as murallas de Lugo e que pechará cun lugar distintivo de Galicia como é a Praza do Obradoiro de Compostela. Con 500 pases que se transmitirán a través de TVE en tres formatos de 45, 30 e 20 segundos, contará coa participación de Carlos Núñez, que pon o tema “Mambo” como bso oficial da volta.

En paralelo, a Deputación de Pontevedra desenvolverá actividades de promoción non só da Volta, senón da cultura e tradición da comunidade a través de merchandising, stands das Rías Baixas e da mascota da volta, “Mexi-llón”; complementándose coa campaña “Espíritu Rías Baixas” e atraccións para os máis pequenos. Deste xeito, o organismo provincial está realizando unha importante aposta por atraer á provincia grandes eventos deportivos e como proba, o 2013 convértese no terceiro ano consecutivo no que a Volta transite terras galegas.

No hay comentarios: