viernes, 24 de mayo de 2013

A Xunta celebra o día europeo dos parques con actividades para cen nenos e nenas nas Illas Atlánticas

Con esta iniciativa se aposta polo desenvolvemento de actividades educativas que poñan en valor os beneficios para a saúde que proporcionan os espazos naturais.

A programación inclúe tamén explicacións e visitas ao Centro de Interpretación de Visitantes das Illas Atlánticas así coma unha actividade divulgativa nas Illas Cíes.

Uns 50 alumnos e alumnas de 3º e 5º de primaria do Colexio Neno Xesús de Praga percorrerán o arquipélago e coñecerán as accións medioambientais e de conservación que se levan a cabo nun encontro educativo cos traballadores.

O obxectivo é achegar a xente á natureza e aumentar a sensibilización sobre a importancia da beleza natural conservada nas áreas protexidas e a necesidade da conservación e xestión sostible das paisaxes, a fauna e a flora a nivel europeo.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou esta mañá na conmemoración deste día coa entrega de material didáctico a un grupo de 50 nenos e nenas de 2º e 3º de primaria do colexio Escolas Nieto.


A Xunta de Galicia conmemora hoxe o Día Europeo dos Parques co desenvolvemento de actividades educativas que, baixo o lema proposto pola Fundación Europarc –organismo que promove a celebración deste día-, poñan en valor os beneficios para a saúde que proporcionan os espazos naturais. Deste modo, o obxectivo desta iniciativa é achegar a xente á natureza e aumentar a sensibilización sobre a importancia da beleza natural conservada nas áreas protexidas e a necesidade da conservación e xestión sostible das paisaxes, a fauna e a flora a nivel europeo.

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas –o único parque desta categoría en todo o territorio galego que na súa maior parte (o 86%) é mariño- tamén ten programadas unha serie de actividades divulgativas para uns 100 nenos e nenas dos colexios Escolas Nieto e Neno Xesús de Praga que se levarán a cabo tanto na sede do Centro de Interpretación de Visitantes e do Parque Nacional coma nas propias Illas Cíes. 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou esta mañá nas actividades programadas no edificio Cambón cun grupo de 50 nenos e nenas de 2º e 3º de primaria do colexio Escolas Nieto aos que se lles fixo entrega de material didáctico e educativo sobre a conmemoración deste día ademais de información sobre os catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional. Previamente, o Centro de Interpretación de Visitantes abriu as súas portas para dar comezo ás visitas e explicacións por parte dos técnicos ao público en xeral.

O programa do Día Europeo dos Parques na cidade olívica completouse cunha visita ás Illas Cíes onde, durante o percorrido, deuse unha explicación das actividades medioambientais, de conservación e protección que se levan a cabo ademais de manter un encontro entre os traballadores do parque e un grupo doutros 50 alumnos e alumnas de 3º e 5º de primaria do Colexio Neno Xesús de Praga.

A Federación Europarc
Europarc é unha organización europea, creada en 1973, que reúne tanto a institucións adicadas á conservación da natureza como a espazos naturais protexidos de 38 países. A natureza non coñece fronteiras, e por ese motivo adícase a facilitar a cooperación internacional en todos os aspectos concernentes á xestión das áreas protexidas, sempre coa finalidade de aumentar, mellorar e conservar o patrimonio natural que compartimos entre todos.

En Europarc-España, a sección española da federación fundada o 11 de novembro de 1993, participan todas as administracións responsables da planificación e a xestión dos espazos naturais protexidos, desde o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente ás administracións rexionais e provinciais. Desde a súa creación constitúe o principal foro profesional onde se discuten e elaboran propostas para a mellora destes espazos.

A conmemoración deste día
Os primeiros parques nacionais europeos declaráronse en Suecia o 24 de maio de 1909. Para conmemorar ese día, a Federación Europarc promove desde 1999 a celebración do Día Europeo dos Parques.

O lema xeral común do Día Europeo dos Parques 2013 proposto pola federación Europarc é “O meu parque. A miña paixón. A miña historia”, co que invita a todos os cidadáns a que desfruten estando na natureza e a compartir as súas experiencias, a reflexionar sobre a beleza da natureza e compartir os seus sentimentos e emocións a través de calquera forma de expresión artística. O lema proposto polo Consello de Europarc-España é “Parques saudables, xente saudable”.

No hay comentarios: