martes, 13 de noviembre de 2012

A Xunta avanza as obras de usos recreativos na ETEA


A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita á zona para comprobar o estado actual dos traballos, que estarán rematados a principios do vindeiro ano.
As obras na zona de usos recreativos, a máis cercana ao mar, se iniciaron a principios do mes de outubro cun investimento superior aos 800.000 euros.



A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ás obras de urbanización da zona de usos recreativos da ETEA (PS-5) para comprobar in situ o avance dos traballos.

Xunto ao redactor do proxecto sectorial, Ángel Colsa, e responsables da empresa adxudicataria, a delegada comprobou que as obras se están a executar segundo os prazos establecidos co obxectivo de que estean rematados a principios do vindeiro ano.

En declaracións aos medios, Bravo Bosch recordou que estas obras, cun investimento superior aos 800.000 euros, supoñen a “apertura das instalacións da ETEA a toda a cidadanía” coa finalidade de xerar un espazo de usos recreativos dacordo aos criterios acordados cos veciños e veciñas de Teis e que formarán parte do futuro Campus Científico-Tecnolóxico do Mar.

As obras comezaron no mes de outubro coa desmontaxe da antiga nave almacén e a demolición do frontón e as antigas pistas deportivas; ao tempo que se eliminaban os galpóns e anexos dos dous edificios a protexer e conservar: a antiga panadaría e o pañol do mergullo, os cales se destinarán a cafetería e aseos. Ademais, estase a ter un especial coidado coas árbores protexidas xa que formarán parte das zonas verdes do ámbito.

Na actualidade xa se poden observar as bases das dúas pistas multideporte -unha con formigón e outra con céspede artificial-, e tamén se construíu a subbase da ampla pista de patinaxe ao tempo que se están a ultimar os preparativos para cimentar a pista de skate.

Coma explicou a delegada, durante os traballos de construción descubríronse as antigas covas e galerías que albergaban o arsenal e, tal e como se contempla en proxecto, estas se conservarán aínda que permanecerán pechadas de forma temporal para garantir a estabilidade e seguridade desta zona que será utilizada por miles de cidadáns ao ano. Ao longo deste mes se prevé instalar as conducións de drenaxe, abastecemento, telefonía, electricidade e iluminación, que discorrerán polo que será o futuro carril-bici que se comunicará coa Guía. E como remate das obras reconstruiranse as pérgolas, instalarase un parque infantil cun barco de madeira e dotaráselle ao ámbito de fontes e bancos, os cales se integrarán no arboredo existente.

A delegada felicitouse polo avance das obras e estimou que poderán estar rematadas a principios de ano co obxectivo de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Teis e de toda a cidade olívica preto de 8.000 m2 destinados a ocio, deporte e desfrute do litoral.

O proxecto sectorial
Este proxecto sectorial PS-5 trátase dunha das 7 actuacións que se desenvolverán a través dos correspondentes proxectos sectoriais recollidos no Plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA que foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta do 23 de febreiro de 2012.

O proxecto sectorial da área de usos recreativos ten por obxecto a transformación dun ámbito de 8.000 metros cadrados, antigamente dedicado ao esparexemento e deporte dos alumnos da ETEA, para destinalo á:

* Creación dunha senda peonil no borde litoral que dará continuidade ao actual paseo que une Punta da Guía coa ETEA, permitindo o seu uso como carril-bici.
* Apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía.
* Dotación de novos equipamento públicos como pistas deportivas, patinaxe, skate, parque infantil, cafetería e vestiarios.

Ao tempo, consérvanse as valiosas especies arbóreas que posúen as antigas instalacións. A edificabilidade non superará os 2.150 metros cadrados construídos que en parte se concentrará na conservación dos edificios da panadería e vestiarios na súa configuración orixinaria, demolendo aqueles outros sen valor significativo, caso dos galpóns anexos aos anteriores e os almacéns. Así como a reforma e posta en servizo das redes de servizos de abastecemento, electricidade, iluminación e telefonía.

Con este proxecto sectorial a Xunta da resposta ás reivindicacións veciñais, entregando aos veciños de Teis e a todos os cidadáns de Vigo, este espazo privilexiado e introducindo no proxecto as dotacións solicitadas nas distintas reunións de traballo realizadas coas asociacións veciñais. É mais, no período de información pública se recibiron 316 alegacións promovidas por diferentes colectivos propoñendo melloras, e das cales, aquelas que afectan ao ámbito do Proxecto Sectorial 5, finalmente foron introducidas no documento.

Plan sectorial

O Plan Sectorial, que abarca un ámbito de 115.000 m2, comprende 7 actuacións que se desenvolven mediante os respectivos proxectos sectoriais:

1. PS-1. Proxecto Sectorial Área de vías, espazos libres e infraestruturas: 20.029 m2

2. PS-2. Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 1: 16.042 m2

3. PS-3 A. Proxecto sectorial Área Científico-Tecnolóxica 2: 4.180 m2

4. PS-3 B. Proxecto Sectorial Área Científico- Tecnolóxica 3: 14.684 m2

5. PS-4. Proxecto Sectorial Área de equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e parque urbano: 31. 291 m2

6. PS-5. Proxecto sectorial Área de Usos Recreativos: 7.625 m2

7. PS-6. Proxecto sectorial Área de Usos Complementarios: 21.199 m2


No hay comentarios: