lunes, 18 de febrero de 2013

A Deputación inicia un plan piloto de compostaxe que distribuirá 2.000 composteiros noutras tantas familias da provincia


A Deputación de Pontevedra levará a cabo un Plan Piloto de compostaxe coa distribución de 2.000 composteiros entre outras tantas familias da provincia que conten con vivenda e horta.

Así o anunciou hoxe o presidente, Rafael Louzán, en rolda de prensa. Según dixo, cada familia pode xerar unha tonelada de residuos orgánicos e restos vexetais ao ano. As previsións son que se recuperarán 1.000 toneladas ao ano, que non irán a Sogama, e que suporán un aforro de 60.000 euros anuais máis os costos derivados de que non será preciso recoller.

O plan piloto da Deputación prevé que as mesmas familias utilicen o compost como abono. A experiencia servirá para determinar a viabilidade futura da compostaxe na provincia.

Louzán dixo tamén que a Deputación ultima xestións para que a bolsa amarela que agora vai a Cerceda sexa depositada na Planta de Loxística Inversa que o proxecto Ecologistic radicou en Cambados.

O presidente da Deputación mostrouse optimista sobre o éxito do Plan Provincial de Recollida de Lixo pois, según dixo, reducirá costos ao haber menos vehículos e menos operarios, será máis eficiente, e unificará taxas pois o costo será entre 60 e 80 € en dous recibos anuais. Indicou que varios concellos socialistas, a pesar de que este grupo pediu a retirada do plan, manifestaron publicamente a súa viabilidade e a súa intención de integrarse nel, caso de Silleda.

Nova xuntanza para aclarar diferenzas de estudos
Doutra banda, Louzán presidiu hoxe a xuntanza da comisión de seguimento do Plan Provincial de Recollida de Lixo, con técnicos e cos representantes do PSOE e BNG.

Na xuntanza acordouse celebrar un encontro de técnicos da Xunta, da Deputación e do Concello de Pontevedra para concretar e aclarar as diferenzas entre o informe dunha planta de compostaxe na provincia, presentado polo Concello de Pontevedra, e o estudio realizado por técnicos da Deputación. As principais diferenzas sitúanse no costo da planta que o Concello cifra en 5,7 millóns e a Deputación en 10,5 tal e como prevé a Xunta de Galicia no seu Plan de Residuos para a prevista planta de compostaxe que construirá para a zona sur de Galicia.

Outras diferenzas dos citados estudios derivan da capacidade de fracción orgánica (o Concello fala de 20.000 toneladas/ano e a Deputación de entre 10.000 e 14.000 si o rango de separación está entre o 20 e o 25%), e da venta do compost que o Concello dí que podería venderse entre 15 e 30 euros por tonelada e a Deputación _baseándose nos datos da planta de Lousame_ sinala que se está a vender a 1 euro por tonelada a granel.

No hay comentarios: